ESTATUTOS

ESTATUTOS DA COMUNIDADE DE: ______VILASOUTO________________

___________________________________________________________________

MONTE VECIÑAL EN MAN COMÚN: _______VILASOUTO______________

___________________________________________________________________

PARROQUIA DE : ________VILASOUTO_______________________________


CONCELLO DE: _________O  INCIO__________________________________





CAPÍTULO I


Obxecto dos estatutos



Artigo 1º.- Os presentes estatutos teñen por obxecto regular ao abeiro da Lei do Parlamento de Galicia 13/1989, do 10 de outubro e o seu Regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, así como a Lei 2/2006 de dereito civil de Galicia e a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, a organización, desfrute e aproveitamento do monte veciñal en man común denominado _________________________________________________________________,
clasificado por resolución do Xurado Provincial de Lugo con
data
_______ de ____________________ de _________ e pertencente aos veciños do/s lugar/es de _______________________________________, da parroquia de ________________________________________________, concello de _______________________________.

CAPÍTULO II


Dos veciños comuneiros



Artigo 2º.- Compoñen a Comunidade as persoas que figuren como tales no libro rexistro de Comuneiros, que sexan titulares de unidades económicas, produtivas ou de consumo, con casa aberta e residencia habitual independente dentro da área xeográfica sobre que se asenta o grupo social ao que tradicionalmente estivo adscrito o aproveitamento do monte.

Artigo 3º.- A condición de veciño comuneiro está ligada á casa familiar, de xeito que só se considerará un comuneiro por casa, salvo naqueles casos en que existan economías independentes, tendo que ser estas completamente demostrables e apreciadas pola Asemblea Xeral.

Artigo 4º.- Enténdese por residencia habitual aquela que se efectúe continuadamente durante 1 ano, realizando no lugar os actos fundamentais da vida cunha permanencia mínima de 10 meses en cada ano.

Queda exceptuado do requisito de antigüidade de residencia, a persoa que veña a ocupar por título de herdanza a casa do comuneiro falecido, se houbese continuidade entrámbolos dous. Esta excepción non afecta ao tempo de residencia fixado anualmente.

Artigo 5º.- O veciño emigrado que retorna ao lugar recupera de xeito inmediato os seus dereitos, sempre que cumpra os demais requisitos.

Artigo 6º.- O recoñecemento da condición de veciño comuneiro, corresponde á Asemblea Xeral.
A Comunidade levará un libro de rexistro cos nomes de todos os veciños comuneiros, enderezo e data na que causa alta ou baixa da mesma. Esta relación manterase constantemente actualizada.

Artigo 7º.- As persoas que desexen obter a condición de veciño comuneiro, cos seus dereitos e obrigas, deberán solicitalo da Asemblea Xeral, que resolverá cada caso segundo o establecido nos artigos anteriores. A acción para reclamar o recoñecemento da condición de comuneiro prescribe aos 30 anos.

Artigo 8º.- A condición de comuneiro pérdese por algunha das seguintes causas:
  1. Por deixar de cumprir algunha dos requisitos determinantes da condición de veciño comuneiro.
  2. Por falecemento.
  3. Por renuncia voluntaria.
  4. Por calquera outro motivo sinalado por estes estatutos ou pola Lei de Montes Veciñais en Man Común e o seu Regulamento. A perda da condición de veciño comuneiro deberá ser acordada por decisión da Asemblea Xeral, que tamén acordará a súa recuperación cando cesen as causas que a provocaron.


CAPÍTULO III

Da representación por casa e delegación entre comuneiros


Artigo 9º.- A representación por casa perante a Comunidade corresponderá ao titular da explotación económica; no seu defecto, e independentemente da idade, sexo ou condición familiar, a quen designen por maioría os membros maiores de idade e, en derradeiro lugar, a quen de feito asuma a dirección da explotación económico-familiar.

Artigo 10º.- Para asistir á Asemblea Xeral, un comuneiro poderá delegar a súa representación noutro comuneiro, sen que ningún poida asumir máis dunha delegación. En todo caso, a delegación deberá ser expresa e por escrito para cada Asemblea Xeral.
A xunta reitora, coa aprobación da Asemblea Xeral, poderá establecer algún tipo de requisito ou documentación para facer efectivo o control da delegación.

CAPÍTULO IV

Dos órganos da Comunidade


A Asemblea Xeral:
Artigo 11º.- A Asemblea Xeral é o órgano supremo de decisión da Comunidade Veciñal, e está composta por tódolos comuneiros que figuren como tales no libro de rexistro de altas e baixas.

Artigo 12º.- A Asemblea Xeral Ordinaria será convocada unha vez o ano, e sempre dentro dos seis meses seguintes á data do peche do exercicio económico.

Artigo 13º.- Con carácter extraordinario, poderase convocar a Asemblea Xeral por iniciativa do presidente da xunta reitora ou a petición dun mínimo do 20% dos comuneiros.
Neste derradeiro caso, a xunta reitora convocará Asemblea Xeral, que se celebrará no prazo máximo de dous meses. No suposto de que non se celebre, e por instancia dun mínimo do 20% dos veciños, reunirase a Asemblea Xeral para tomar os acordos oportunos, incluíndo a remoción da xunta reitora, respectando sempre as maiorías que marca a Lei.

Artigo 14º.- A convocatoria da Asemblea Xeral farase cun mínimo de 10 días de antelación, mediante notificación escrita a todos os comuneiros e coa orde do día dos asuntos a tratar, e estará exposta durante o mesmo prazo nos taboleiros de anuncios do Concello, así como nos lugares de costume da parroquia. A convocatoria sinalará o lugar onde cada veciño comuneiro poderá examinar a documentación dos asuntos que figuren na orde do día.

Artigo 15º.- A Asemblea quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando estean presentes ou representados máis do 50% dos comuneiros, e en segunda convocatoria, cando estean presentes polo menos un 25% dos mesmos. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá transcorrer un mínimo de dúas horas.

Artigo 16º.- Os acordos referidos a actos de disposición, así como á aprobación, reforma ou revogación dos estatutos, require convocatoria expresa, e o voto favorable da maioría dos presentes que represente polo menos ao 50% do censo de comuneiros en primeira convocatoria e o 30% na segunda.

Artigo 17º.- Para a aprobación da xestión e balance do exercicio económico, aproveitamentos e actos de administración en xeral será suficiente a maioría simple.

Artigo 18º.- Son competencias da Asemblea Xeral:
  1. A elección do presidente e demais membros da xunta reitora.
  2. A admisión de novos comuneiros, así como as baixas e a perda total ou parcial dos seus dereitos.
  3. O establecemento de períodos de carencia e cotas de ingreso de novos comuneiros, cando proceda.
  4. Ratificación ou rectificación dos acordos adoptados pola xunta reitora.
  5. Dirimir discordias entre comuneiros.
  6. Aprobar os presupostos, inversións, obras sociais, melloras comunitarias, créditos e a distribución de aproveitamentos, beneficios e cargas.
  7. Aprobar os actos de disposición do monte: outorgamento de cesións, ocupacións e servidumes, dereitos de superficie, permutas, arrendamentos, e todo tipo de contratos con terceiros.
  8. Aprobación dos plans de aproveitamento do monte.
  9. Aprobación do proxecto de creación de mancomunidades con outras comunidades de montes.
  1. Aprobación, modificación ou revogación dos estatutos da comunidade.
  2. Aprobar as cotas de reinvestimento en mellora e protección do monte cando supere o fixado na Lei de montes de Galicia e nestes estatutos.
  3. Aprobar o deslindamento provisional con outros montes veciñais en man común, así como a proposta de deslindamento con propiedades particulares.
  4. Decidir a interposición de accións xudiciais, sen prexuízo daquelas que polo seu carácter urxente deba decidir a xunta reitora.
  5. Todas as demais que a normativa en vigor ou estes estatutos lle confiran.

Artigo 19º.- De cada reunión da Asemblea Xeral levantarase polo secretario da xunta reitora a correspondente acta, na que deberá constar a decisión da maioría respecto a cada un dos puntos da orde do día sometidos a votación, expresando o número de votos a favor ou en contra. Se algún asistente quere facer constar na acta a súa oposición, incluirase o seu nome mailos dous apelidos. Os acordos adoptados pola Asemblea Xeral obrigan a tódolos comuneiros.

A xunta reitora:
Artigo 20º.- A xunta reitora é o órgano de goberno, xestión, representación e execución da comunidade de montes, e estará composta por un presidente e un mínimo de dous vogais, actuando un deles como secretario e o outro como tesoureiro, elixidos por un prazo máximo de catro anos.
O presidente da xunta reitora ostenta a representación legal da Comunidade.

Artigo 21º.- Son competencias da xunta reitora:
a) A execución dos acordos da Asemblea Xeral.
b) Os actos de administración ordinaria.
c) A convocatoria das reunións da Asemblea Xeral.
d) A presentación á Asemblea Xeral das propostas de novos comuneiros, así como das baixas dos mesmos, imposición de períodos de carencia, e cotas de ingreso. Igualmente acreditarán a condición dos veciños comuneiros, mediante certificación da súa inclusión na relación de comuneiros.
e) A confección e presentación de balances, contas, orzamentos, plans de aproveitamento, e, en xeral, a elaboración de propostas e proxectos de todo tipo á Asemblea Xeral, así como contratar coas persoas privadas ou públicas que esixa a explotación do monte.
  1. Someter á Asemblea Xeral os actos de disposición do monte.
g) Todos os outros asuntos que expresamente lle delegue a Asemblea Xeral ou lle confiran a Lei ou o Regulamento de Montes Veciñais en Man Común.
Artigo 22º.- O presidente da xunta reitora ostenta a representación legal da comunidade, e deberá acreditar dita calidade para realizar os actos de disposición.
O secretario será o encargado de realizar as citacións, redacción das actas das reunións, da correspondencia da Comunidade, certificacións, e terá ao seu cargo o libro de actas e o libro rexistro de comuneiros, así como toda a documentación da Comunidade.
O tesoureiro será o depositario dos caudais da Comunidade, controlará as xestións económicas da mesma, e terá ao seu cargo o libro de contas.
Os demais vocais terán as funcións que se lles encomende pola xunta reitora ou pola Asemblea Xeral.

Artigo 23º.- A xunta reitora dará conta á Asemblea Xeral, na primeira sesión que se celebre, dos acordos adoptados.

Artigo 24º.- A xunta reitora será responsable perante a Asemblea Xeral do cumprimento das funcións que lle encomenda a Lei de Montes Veciñais en Man Común, así como nas sinaladas nos presentes estatutos, e de todas aquelas que lle encomende a Asemblea Xeral.

Artigo 25º.- A responsabilidade da xunta reitora será colexiada, a non ser que algún dos seus membros traspase os límites das facultades que lle foran conferidas e actúe a nivel persoal, sendo, neste caso, a responsabilidade individual.

CAPÍTULO V

Dos dereitos e obrigas dos comuneiros

Artigo 26º.- Os comuneiros están obrigados a:
  1. Cumprir fielmente os preceptos da Lei e Regulamento de Montes Veciñais en Man Común, as normas destes estatutos e os acordos validamente adoptados pola Asemblea Xeral ou xunta reitora no ámbito das súas competencias respectivas.
  2. Efectuar as aportacións obrigatorias que fixe a Asemblea Xeral.
  3. Prestar a súa garantía na proporción que fixe a Asemblea Xeral aos créditos recabados para financiar as necesidades económicas da explotación do monte, salvo que o comuneiro renuncie expresamente ao aproveitamento correspondente.
  4. Respectar os acordos que a Asemblea Xeral adopte sobre transformacións e forma de aproveitamento do monte.
  5. Asistir ás reunións para as que sexa convocado, ou delegar o seu voto noutro comuneiro, salvo causa de forza maior suficientemente xustificada.
  6. Desempeñar os cargos para os que sexa elixido na Comunidade. Non obstante, esta obriga quedará eliminada cando o comuneiro debido a súa idade, estado físico e outras circunstancias claramente apreciables pola Comunidade, estea impedido ou diminuído no seu traballo como membro da xunta reitora.
  7. Cumprir os mandatos da Asemblea Xeral respecto á defensa, custodia e conservación do monte, así como as medidas que se tomen para a prevención e loita contra os incendios.

Artigo 27º.- Todo comuneiro ten os seguintes dereitos:
  1. A ser convocado ás Asembleas Xerais Ordinarias e Extraordinarias, na forma establecida por la Lei de Montes Veciñais en Man Común e estes estatutos.
  2. A ser elector e elixido para presidente ou membro da xunta reitora coas limitacións establecidas nestes estatutos.
  3. A participar nos beneficios que xenere o monte, na forma que acorde a Asemblea Xeral ou prevista nestes estatutos.
  4. A participar con voz e voto nas Asembleas Xerais segundo o disposto nestes estatutos.
  5. Todos os demais que figuren na Lei e Regulamento de Montes Veciñais en Man Común e normas que os desenrolen.

CAPÍTULO VI

Gastos e xestión económica


Artigo 28º.- Os gastos orixinados pola explotación do monte deduciranse dos beneficios, se os houbese, e, noutro caso, prorratearanse entre os comuneiros.

Artigo 29º.- Cando un comuneiro cause baixa por deixar de cumprir os requisitos esixidos para selo, ou abandone de xeito definitivo o lugar ou parroquia á que pertence o monte, poderá percibir, se o acorda así a Asemblea Xeral, os gastos e xornais que aportase das inversións no monte, sempre que non percibira algún tipo de beneficio a consecuencia dos mesmos e cando desas inversións se deriven beneficios futuros.

Artigo 30º.- Cando se produza o ingreso dun comuneiro existindo débedas pendentes na Comunidade, para o aproveitamento do monte, non poderá participar nos beneficios de tal inversión ata que aporte a parte proporcional que lle corresponda, segundo o plan de amortización que aprobe a Asemblea Xeral.

Artigo 31º.- O comuneiro que se negue a aportar a parte que lle corresponda para contribuír aos gastos de xestión, aproveitamento e explotación do monte, non terá dereito a beneficio algún, mentres non cumpra o acordado pola Asemblea Xeral, cos gravames de intereses que esta determine.

Artigo 32º.- Se algún comuneiro se amosa desinteresado e se inhibe de participar ou de pertencer á Comunidade, entenderase que renuncia voluntariamente ao seu dereito participativo, e non obterá beneficio algún derivado do monte ata que manifeste o seu desexo de participar e o faga realidade, sendo solidario coa Comunidade e cumprindo todas as obrigas aportando o que lle corresponda, segundo o que teña establecido a Comunidade.

Artigo 33º.- Para o seu desenrolo e a consecución dos seus fins, a comunidade beneficiarase dos seguintes recursos:
  1. Dos seus propios ingresos, provintes dos aproveitamentos pecuniarios de todo tipo.
  2. De subvencións percibidas da Administración e Organismos Oficiais.
  3. De créditos concertados coa administración ou con entidades financeiras, tanto oficiais como privadas.
  4. De calquera outro recurso ou operación legalmente recoñecida que sexa previamente acordada pola Asemblea Xeral.

Artigo 34º.- O presidente ou a persoa que o substitúa, queda facultado para solicitar, formalizar, subscribir e cancelar préstamos, créditos, avales, contratos ou calquera outra operación financeira deste tipo, cando así o acorde a Asemblea Xeral, dentro dos límites establecidos pola Lei.

Artigo 35º.- Os fondos da Comunidade estarán depositados nunha ou varias contas ou calquera outro tipo de depósito remunerado, en entidades financeiras a nome da Comunidade. Destas contas ou depósitos poderase dispor coa firma conxunta do presidente, e do secretario ou do tesoureiro. Estas persoas serán responsables perante a Comunidade do bo uso e administración das devanditas contas.

Artigo 36º.- Unha vez ao ano, na Asemblea Xeral Ordinaria, presentarase á Comunidade o estado financeiro-económico da mesma, así como os xustificantes de ingresos e gastos, e demais documentación acreditativa que os comuneiros poidan solicitar.
A xunta reitora deberá facilitar calquera tipo de información económica relativa á Comunidade, mediante certificación expedida polo secretario, cando así o solicitara por escrito calquera comuneiro.


CAPÍTULO VII

Dos aproveitamentos


Artigo 37º.- Os aproveitamentos e beneficios do monte, pertencen exclusivamente aos comuneiros, sen prexuízo dos compromisos que vinculen á Comunidade con terceiros.
O exercicio da caza maior e menor, axustarase ao disposto na súa lexislación específica.

Artigo 38º.- O aproveitamento e desfrute do monte realizarase, preferentemente, en réxime de explotación común, e sempre de acordo co proxecto de ordenación (nos montes de máis de 25 ha), documento simple de xestión ou a través da súa adhesión expresa a referentes de boas prácticas e modelos silvícolas orientativos, segundo o establecido no artigo 77.5 da Lei de montes de Galicia.
O aproveitamento de carácter directo (pastoreo, esquilmos, leña, etc.) consistirá no desfrute xeral e simultáneo do monte polos comuneiros, sexa de xeito individual ou colectivo.
A Asemblea Xeral poderá limitar ou condicionar o exercicio desta clase de aproveitamentos para facer posible a concorrencia de todos os comuneiros en igualdade ou para conservar a capacidade agrolóxica do monte.

Artigo 39º.- Cando se realicen aproveitamentos que produzan un rendemento pecuniario, o seu producto pertence por igual a todos os veciños, nas condicións establecidas nos artigos seguintes.

Artigo 40º.- A asemblea xeral reservará, en todo caso, as cotas mínimas de reinvestimentos en mellora e protección forestal do monte, respectando todo o establecido no artigo 125 da Lei de montes de Galicia, e que serán:
  1. Do 40% de todos os ingresos xerados, podendo fixarse unha cota anual de reinvestimentos superior, previo acordo da asemblea xeral.
  2. Do 100% dos ingresos xerados a partir dos produtos resultantes de incendios forestais, pragas ou temporais, nos termos do devandito artigo 125.
Para o cálculo dos ingresos obtidos, haberá que contabilizar non só aqueles que proveñen dos aproveitamentos e servizos forestais senón tamén os derivados de actos de disposición voluntaria, os procedentes de expropiacións forzosas ou calquera outro ingreso de natureza extraordinaria.
Estas cotas de reinvestimento deberán investirse primeiramente na redacción ou actualización do instrumento de ordenación ou de xestión obrigatorio, que deberá ser aprobado pola Administración forestal, para, a continuación, dedicalas aos traballos programados no instrumento, para os custos en materia de servizos de xestión que a súa aplicación comporte ou para o deslindamento e posterior marcaxe.

Artigo 41º.- Os ingresos sobrantes, unha vez aplicada a cota correspondente e sempre consonte ao estipulado no artigo 125 da Lei de montes de Galicia, e segundo acorden estes estatutos ou a asemblea xeral, poderanse investir en todo ou parte:
  1. Na adquisición de montes, que serán cualificados polo xurado provincial como monte veciñal en man común.
  2. Na posta en valor do monte desde o punto de vista social, patrimonial, cultural e ambiental.
  3. En obras ou servizos comunitarios con criterios de repartición proporcional entre os diversos lugares.
  4. Na repartición, total ou parcial, en partes iguais entre todos os comuneiros. No suposto de expropiación forzosa, esta repartición do importe do prezo xusto, será autorizada pola Administración forestal, debendo a comunidade xustificar o cumprimento do establecido na Lei.

Artigo 42º.- Por acordo da Asemblea Xeral poderase determinar que, parte do monte, se destine a aproveitamento individual, mediante a adxudicación de lotes, sortes ou parcelas, en réxime de rotación, por períodos máximos de once anos (11) e nas condicións que se establezan pola Asemblea Xeral, para usos agrícolas e gandeiros.
Unha vez transcorrido o período acordado, o terreo pasará de novo ao seu aproveitamento mancomunado, a non ser que se produza un novo acordo divisorio na forma establecida no parágrafo anterior. En todo caso, a división farase de xeito que un comuneiro non poida desfrutar, neste período, da mesma parcela que no anterior.
Será indispensable que todas e cada unha das parcelas teñan acceso directo suficiente para os medios de transporte usuais entre os veciños, para os fins agrícolas e gandeiros.
A Asemblea Xeral poderá derrogar o acordo tomado cando o mal uso por parte dalgún comuneiro ou outras circunstancias así o aconsellen.


Artigo 43º.- A Comunidade, previo acordo da Asemblea Xeral, poderá establecer contratos ou acordos con terceiras persoas, empresas, entidades ou organismos públicos, facultando para este fin ao presidente e á xunta reitora. Antes de concertar tales contratos ou convenios debe presentarse un proxecto no que se especificará claramente o plan do aproveitamento.

CAPÍTULO VIII

Defensa do monte e impugnación de acordos


Artigo 44º.- Calquera comuneiro poderá defender os intereses da Comunidade de Veciños, tendo que serlle reintegrados os gastos que isto lle ocasione, sempre que prosperen as súas pretensións ou sexan aprobados pola Asemblea Xeral.

Artigo 45º- Os acordos da xunta reitora ou da Asemblea Xeral que sexan contrarios á Lei, os que infrinxan os presentes estatutos, así como os non adecuados aos intereses da propia Comunidade, poderán ser recorridos por calquera veciño comuneiro perante a Asemblea Xeral, que poderá revogar calquera acordo tomado pola xunta reitora ou a propia Asemblea Xeral.
Esgotado o citado recurso, poderase acudir á vía xudicial.



CAPÍTULO IX

Extinción da Comunidade


Artigo 46º.- A comunidade extinguirase por calquera das seguintes causas:
  1. Por decisión legal que así o determine.
  2. Por renuncia de todos os comuneiros.
  3. Por perda da propiedade do monte, calquera que fora a súa causa.
  4. Por deixar de existir veciños na Comunidade.

Artigo 47º.- Se a Comunidade deixara de existir por calquera causa, e mentres non se reconstitúa, a defensa dos seus intereses correspondería á parroquia onde radique o monte e, subsidiariamente, á Consellería competente en materia de montes, que regularán en concepto de titulares provisionais o aproveitamento do monte en beneficio da Comunidade Propietaria, segundo o disposto nos artigos 20 e 27 da Lei de Montes Veciñais en Man Común.

DISPOSICIÓNS FINAIS

1.- Os presentes estatutos entrarán en vigor e serán de obrigado cumprimento ao día seguinte da súa aprobación pola Asemblea Xeral de comuneiros, e derrogan calquera outra norma de data anterior, que quedará sen efecto algún.

2.- O non previsto nos mesmos rexerase pola Lei de Montes Veciñais en Man Común e o seu Regulamento, Lei de montes de Galicia, Lei de dereito civil de Galicia, e no seu defecto, pola lexislación xeral.


3.- Dos presentes estatutos facilitarase unha copia a todo veciño comuneiro que o solicite, e remitiranse dous exemplares, asinados en tódalas follas polo presidente mailo secretario, ao Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común, a través da sección provincial, a efectos de rexistro e coñecemento, xunto coa certificación do libro de actas relativa á aprobación dos estatutos. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario